Saturday 18 de May de 2024

O Plan de Actuación do Monte do Gozo revitalizará este espazo referencial da peregrinación xacobea aportando a Compostela un parque unico e aberto á cidadanía


Turismo de Galicia presentou hoxe este proxecto de recuperación integral que remodelará o parque adaptándoo ás necesidades actuais

A Cidade da Cultura acolleu a presentación do Plan de Actuación do Monte do Gozo de Turismo de Galicia. Un proxecto de recuperación integral, que supón un investimento de máis de 1.207.000 euros, que remodelará o parque adaptándoo ás necesidades actuais e converténdoo nunha referencia nacional e xacobea.

O acto contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, do director-xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, do paisaxista, Joao Nues, do arquitecto, Oscar López Alba, e da redactora do proxecto, Cristina García.

Durante a presentación, a directora de Turismo de Galicia explicou que o parque encóntrase na actualidade nunha situación delicada que provoca que o significado e valor deste Monte do Gozo para o Camiño e para a cidade de Compostela perda a súa carga simbólica, xa que hoxe non se pode apreciar dende el a Catedral de Santiago.

Neste senso, Nava Castro sinalou que o Monte do Gozo constitúe un lugar de oportunidade ao constituír un ámbito de máis de 50 hectáreas con grandes equipamentos que, adaptados ás necesidades actuais, permitirán o desfrute deste gran parque.

A responsable de Turismo da Xunta resaltou que este Plan constitúe unha actuación fundamental tanto para Compostela como para a Ruta Xacobea, posto que se trata do parque de maior dimensión da cidade e a porta de entrada dos peregrinos a Galicia. “Grazas a esta actuación, a nosa comunidade recuperará un espazo de referencia na acollida e espiritualidade do fenómeno xacobeo e Compostela recuperará un espazo único e aberto para o desfrute dos santiagueses, dos cidadáns da súa contorna e de todos os galegos e galegas”, afirmou.

A directora de Turismo de Galicia resaltou que esta intervención dotará de nova vida a este amplo espazo de parque de Santiago de Compostela, revitalizando o seu valor referencial no mundo xacobeo pero tamén converténdoo nun espazo ao servizo dos cidadáns e dos turistas de Santiago de Compostela e de Galicia.

Pola súa parte, o paisaxista do Plan Joao Nues, socio fundador e presidente de PROAP, un estudo de arquitectura da paisaxe que conta cunha recoñecida experiencia no ámbito da paisaxe, e profesor en diversas universidades internacionais, destacou a importancia de recuperar o significado e simbolismo do Monte do Gozo para o Camiño e para a cidade de Compostela

Neste senso, o prestixioso paisaxista explicou que a intervención simula o funcionamento do Camiño de Santiago traballando tanto coa paisaxe do parque como co seu simbolismo, intervindo nas miradas dos peregrinos e nas diversas vistas do espazo. Así mesmo, Joao Nues destacou a importancia da simbiose de peregrinos e cidadáns que xerará o novo parque.

Primeiras actuacións
O Plan céntrase na relación do Monte do Gozo co Camiño de Santiago co obxectivo de recuperar a súa condición orixinal liberándoo dos elementos que actualmente impiden a súa lectura e compresión.

Así, o proxecto incide na rexeneración do lugar emblemático no entorno da Capela de San Marcos, recuperando dende a cima do Monte, revitalizada cunha elevación que lembrará aos milladoiros dos peregrinos, a visión das torres da Catedral de Santiago.

Así mesmo, a actuación inclúe a creación de zonas de encontro e refresco destinadas ao lecer, convertendo este ámbito nun lugar acolledor tanto para os peregrinos e turistas como para os veciños e cidadáns de Santiago. O obxectivo é que a área de chegada fronte á Capela de San Marcos se transforme nun lugar de estancia e referencia que invite a explorar o novo parque.

O proxecto converterá, ademais, a emblemática zona onde actualmente se encontra a escultura de Acuña nun parque de estilo inglés que enriquecerá o Monte do Gozo no seu conxunto.

Así mesmo, recuperarase o Auditorio como espazo aberto aos visitantes e o itinerario do Camiño de Santiago, adecuando o seu firme e mellorando de xeito substancial o actual trazado da Ruta Xacobea neste lugar emblemático de entrada á cidade meta da peregrinación.

Co proxecto habilitarase tamén unha área de relax con piscinas na zona da lagoa, inmediata ao auditorio que tamén dará servizo á zona de aloxamento.

Ao tempo que se traballa nestas actuacións, está prevista a concesión da zona de aloxamento, cunha redución do número de prazas e a posta en valor do parque central que contará con cafetería e restauración para peregrinos e visitantes. Tamén se garantirá a continuidade do albergue de peregrinos neste lugar tan intimamente unido ao mundo da peregrinación xacobea e se habilitarán espazos destinados a colectivos sociais que poderán atopar neste lugar un ámbito de actividade.

O Plan contempla, ademais, a mellora dos accesos a estas zonas de acollida aos peregrinos e a propia circulación rodada polo entorno do Monte do Gozo para asegurar unha mobilidade de persoas e vehículos axeitada ás características deste entorno.

Con todo, o obxectivo é devolverlle ao Monte do Gozo a atención que merece e o seu papel relevante na cidade de Santiago e no Camiño de Santiago.